Saturday 18 de May de 2024

Aberto o prazo de inscrición para participar na IX Milla Urbana Concello de Ordes


Terá lugar o vindeiro día 21 no Campo da Feira e nela poderán participar atletas de todas as idades

Ata mañá venres ás 20 horas permanerá aberto o prazo de inscrición para apuntarse na IX Milla Urbana Concello de Ordes, a cal terá lugar o vindeiro domingo a partir das 17 horas no Campo da Feira. As inscricións deberán facerse a través da páxina web www.correrengalicia.org. Para solicitar calquera tipo de información pódese chamar ao teléfono 660 694 586.
Nesta ocasión a convocatoria terá un protagonista moi especial xa que estará dedicada ao atleta máis importante do Concello, e un dos máis destacados de todo o panorama nacional, Iván Raña.
Unha competición deportiva na que poderán participar todos aqueles que o desexen independentemente da súa idade. Os percorridos irán dende os 100 metros ata un máximo de 1609 segundo a categoría. Ademais dos trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha delas tamén haberá premios en metálico para os tres primeiros da carreira absoluta, os cales ascenderán a 50, 30 e 20 euros.
Os rapaces e rapazas que participen non marcharán coas mans baleiras, xa que para todos haberá medallas ata fin de existencias. Tras finalizar as competicións a organización ten previsto levar a cabo o sorteo de agasallos entre todos os corredores e corredoras.
Por outra banda tamén se quere aproveitar este encontro para facer unha recollida solidaria de alimentos non perecedoiros destinados ás familias máis necesitadas do concello. Solicítaselles aos atletas que traian un quilo de alimentos, así como ao resto de asistentes que desexen colaborar.
A IX Milla Urbana Concello de Ordes está organizada e patrocinada polo Club Atletismo Ordes, o Concello de Ordes e a Deputación da Coruña.